mércores, 16 de maio de 2018

CERTAME DE TEATRO ESCOLAR

O grupo de teatro do instituto levou á escena Pros e contras, de Tabiche Rodríguez Hernández e adaptada pola directora Paqui Abeledo.  A obra foi representada na Casa da Cultura de Monforte, dentro do certame municipal organizado polo Concello. 
A protagonista, abrumada debido ao inminente desahucio da súa casa, sopesa suicidarse, e pola súa casa irá pasando unha galería de personaxes que aportarán os seus "contras" a esa decisión. Mesmo o público chegará a tomar parte do conflicto. Teatro social, teatro dentro do teatro, ruptura da cuarta parede... fixeron da obra deste ano unha forte aposta escénica que gustou moito ao público asistente. Noraboa!

venres, 11 de maio de 2018

DÍA ESCOLAR DAS MATEMÁTICAS


Non se trataba dunha reunión de departamento, non. Foi unha visita á biblioteca de todos os profes de Matemáticas para festexar o 12 de maio, Día Escolar das Matemáticas, cargados de xogos relacionados coa súa materia. Moitas gracias a Abel, Cuqui, José Antonio e Juana por mostrarnos a súa faceta máis lúdica e a todo o alumnado que se achegou a aceptar os retos.




domingo, 6 de maio de 2018

CONSTELACIÓN LITERARIA EN TORNO A MARÍA VICTORIA MORENO



Bibliotecas Escolares de Galicia ven de ofrecernos este cartel en torno a conmemoración das Letras Galegas deste ano.  Nel móstranse títulos da literatura infantil e xuvenil galega vinculados á obra de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano 2018.  Pinchando na imaxe poderedes obter máis información. E, xa sabedes, a mellor maneira de homenaxear a unha escritora é lendo. Boas lecturas!

sábado, 5 de maio de 2018

XV CONCURSO DE CÓMICS. DÍA DO LIBRO 2018

A nosa homenaxe ao Día do Libro 2018 foi vertebrada a través do Concurso de Cómics, que este ano chegou a súa décimo quinta edición.  A actividade consistiu en transformar  contos, lendas e novelas en cómics.  No seguinte vídeo podedes ver o talento que ten o noso alumnado para convertir personaxes e historias en viñetas.  Noraboa a todos os participantes!!

martes, 24 de abril de 2018

ENCONTRO LITERARIO CON SUSANA FORTES


Enmarcada dentro dos "Encontros literarios do MECD 2018", o noso centro contou onte coa presencia da escritora Susana Fortes,  autora de Querido Corto Maltés (Premio Nuevos Narradores da editorial Tusquets en 1994) e El amante albanés (Finalista do Premio Planeta en 2003), entre outros moitos títulos. 
Susana Fortes deu unha conferencia no salón de actos que arrincou cunha pregunta ao alumnado -"¿Por qué leéis?"- a partir da cal realizou unha reflexión sobre a lectura, sobre a súa experiencia como lectora e escritora para rematar falando de como se xestou a súa última novela, Septiembre puede esperar.
Posteriormente, a escritora visitou a biblioteca do instituto para manter unha charla con algúns dos membros máis lectores da nosa comunidade educativa.