domingo, 10 de decembro de 2017

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

Tal día como hoxe, no ano 1948, a Asamblea Xeral da ONU firmou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.  Coñeces eses dereitos? Sabes por que naceron?  Consideras que se respetan en todo o mundo? No expositor da biblioteca podes atopar as seguintes suxestións de lecturas relacionadas con esta data.

luns, 4 de decembro de 2017

VIII XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

Vimos de pasar parte da fin de semana nas VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares, en Santiago, centradas este ano en torno ao lema "Aprendendo a pensar coa biblioteca escolar".  Foron moitas e moi interesantes as conferencias, mesas e exposicións de experiencias.  Este ano pretendemos resaltar dous momentos: a vitalidade dunha recente biblioteca donostiarra, Ubik, centro de creación e de convivencia interxeracional, presentada pola súa responsable, Arantxa Mariskal; e a xenerosidade dun granadino,  o profesor Juan Mata, quen comezou a súa conferencia en galego e obtivo un cálido aplauso da audiencia.
Accederase en breve a todas as conferencias no blog das Bibliotecas Escolares de Galicia; pero para coñecer as impresións dos asistentes volcadas en Twitter pinchade AQUÍ.

venres, 1 de decembro de 2017

XORNADAS FERRAXEIRAS

Rematou novembro e, con el, as nosas primeiras Xornadas Ferraxeiras.  O alumnado participante aprendeu a programar robots a través de diferentes retos, gracias a José Pino, membro do Equipo da Biblio e profe de Informática.  Podedes ver as imaxes das Xornadas no Animoto, e a estructuración do obradoiro na presentación que vos deixamos eiquí debaixo.



sábado, 25 de novembro de 2017

LECTURAS COMPARTIDAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Onte contamos coa visita de Nicolás Díaz, de 1º de Bacharelato, e a súa nai, Ana Quintián, para realizar unha lectura compartida en familia.  Eliximos un conto de Emilia Pardo Bazán, "El indulto", xa que relata un caso de violencia machista desgraciadamente cotidiano na actualidade, como nos explica a pardobazanista Cristina Patiño: 




Foi todo un verdadeiro pracer asistir a un momento de lectura en familia.  Moitas gracias pola colaboración de Ana e Nico!!

venres, 24 de novembro de 2017

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO EXERCIDA DENDE AS REDES SOCIAIS

Tras ver o corto "Muda", invitamos ao alumnado de 1º de Bacharelato á reflexión sobre a violencia sexista exercida a través das redes sociais.  O colectivo adolescente é especialmente sensible a este tipo de manipulación.  O resultado, a partires das súas caras, mensaxes, lemas e dotes artísticas, convertiuse en carteis que colocamos na entrada do noso centro.  


martes, 21 de novembro de 2017